Conde apela ao consenso e á unidade para encarar a reactivación económica

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira Empleo e Igualdad, María Jesús Lorenzana , asisten a un coloquio coa xunta directiva da Asociación Galega Empresa Familiar

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apelou ao consenso e á unidade para encarar a reactivación económica de Galicia. Fíxoo durante a súa intervención nun xantar-coloquio coa Asociación da Empresa Familiar de Galicia, a quen agradeceu a súa colaboración como parte do Comité de Expertos Económicos que asesorou á Xunta ao inicio da pandemia.

Conde, que estivo acompañado pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo fincapé na importancia do diálogo porque, segundo dixo, a resposta á crise que provocou a covid-19 será máis axeitada co traballo e o esforzo de todos e contando coa visión e a experiencia do tecido produtivo. Nese sentido, avogou por continuar esa senda para enriquecer o Plan de reactivación e dinamización de Galicia con medidas a longo prazo e apostando por un crecemento sólido, inclusivo e sustentable, pola economía verde e do coñecemento e por un proxecto xeracional.

O vicepresidente económico apuntou que os programas de axuda que se puxeron en marcha ata o momento no marco do citado plan levan rexistradas 30.000 solicitudes e que só as iniciativas de apoio á dixitalización de empresas aprobadas suman 26 millóns de euros.