Conde defende que Galicia conta cun modelo eólico garantista para o desenvolvemento deste sector

1 minutes read

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, así o manifestou en resposta a unha interpelación no Pleno da Cámara galega onde remarcou que a Xunta só vai autorizar aquelas iniciativas que conten con todos os informes sectoriais favorables e que, polo tanto, cumpran cos requisitos establecidos na Lei galega do sector eólico —que impide a construción de parques en Rede Natura e fóra das áreas do Plan sectorial eólico—, e na Lei estatal de avaliación ambiental.

Nese sentido, Conde destacou que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o parque eólico de Corme (Ponteceso) —que a Xunta vai recorrer ante o Supremo—, avala a vixencia do Plan sectorial eólico de Galicia, e non pon en cuestión os criterios técnicos e ambientais que levaron a aprobar o proxecto nin as sucesivas leis de axilización administrativa aprobadas pola Administración autonómica.

Tanto a Lei de implantación empresarial como a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia establecen medidas adicionais para garantir un desenvolvemento eólico racional e sustentable, cunha moratoria de ano e medio para poder tramitar os 275 expedientes que hai agora sobre a mesa, e cunha nova limitación na distancia dos aeroxeradores para os novos proxectos, pasando de 500 metros a 5 veces a altura do aeroxerador.
Conde apuntou que, ademais de garantir a máxima seguridade xurídica ao sector, a Xunta de Galicia está comprometida coa transparencia e, por iso, está a impulsar diferentes ferramentas para achegar información de xeito máis accesible.