Conde defende que a venda da planta de aluminio primario de Alcoa en San Cibrao é a mellor saída

Foto.- Xoán Crespo.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu no Parlamento galego que a mellor saída para todas as partes é que Alcoa acepte a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao.

Conde sinalou que non se descarta ningunha medida administrativa ou xudicial para reverter a decisión unilateral da compañía, que, tal e como subliñou, prexudica a todas as partes, incluída a propia Alcoa. Así, parar as cubas e deixar de producir aluminio primario na Mariña non só lle supoñería á empresa abonar os gastos polos despedimentos; senón que esta tería que devolver 50 millóns de euros polas axudas recibidas en compensación dos custos por emisións de CO2, xa requiridas polo Ministerio de Industria; e facer fronte a todos os deberes de carácter ambiental. Neste contexto, o Parlamento galego aprobou demandar ao Goberno central a intervención pública temporal de Alcoa para a súa posterior venda a un investidor privado.