- Os feitos aconteceron en agosto do 2020, cando o agresor clavara un coitelo no peito á vítima
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 16 anos e medio de prisión ao home acusado de intentar matar á súa parella no lugar de Centiña, en Coristanco, en agosto do ano pasado.
No xuízo, celebrado na mañá deste martes, o home aceptou a pena imposta por intento de homicidio, malos tratos, inxurias, ameazas e lesións. Ademais, deberá indemnizar á vítima con algo máis de 46.000 euros.
Os feitos aconteceron o pasado 13 de agosto do 2020 cando o acusado, despois dunha forte discusión coa súa parella (sendo estas moi habituais), saíu ao exterior da súa vivenda para clavarlle un coitelo de cociña no peito. A sorte quixo que o utensilio batera co esternón rompendo a folla do coitelo, evitando que a vítima falecera no acto e que o autor dos feitos puidese seguir agredíndoa desa forma.
Veciños do lugar, ante os berros da muller pedindo auxilio, chamaron de inmediato á Garda Civil ao tempo que intentaban que o home desistise dos seus actos. Tras cometer a agresión este fuxiu por un monte próximo sendo interceptado dúas horas máis tarde por axentes.
Á espera do xuízo, o agora condenado atopábase desde o 15 de agosto do pasado ano en prisión provisional.