Condena aos líderes da Gürtel por desvío de fondos na visita do Papa a Valencia


Penas de ata 15 anos e 5 meses de cárcere aos principais responsables da trama Gürtel pola visita do Papa Beito XVI a Valencia en 2006 nunha sentenza da Audiencia Nacional onde rexeita deducir falso testemuño contra o expresidente valenciano Francisco Camps, como solicitou a Fiscalía.

Na súa resolución o tribunal fixa a maior condena, 15 anos e 5 meses, para o exdirixente do PP galego Pablo Crespo. Ao líder da rede, Francisco Correa, imponlle 13 anos e 7 meses de prisión; e a Álvaro Pérez, O Bigotes, 6 anos e 9 meses. Os tres estaban xa condenados por outras pezas do caso.

Tamén condena a 6 anos e 9 meses o exdirector da Radiotelevisión Valenciana (RTVV), Pedro García Gimeno, e a 11 e 7 meses ao vicepresidente da empresa Teconsa José Luís Martínez Parra, nunha sentenza na que impón penas de prisión a 19 dos 23 acusados. Ao exdirector de Repsol e asesor da rede Ramón Blanco Balín imponlle, pola súa banda, 1 ano e medio de prisión.

Dúas das procesadas foron absoltas tras retirar a Fiscalía a acusación contra elas, mentres que outros dous faleceron: o expresidente das Cortes Valencianas e exdirector xeral da Policía Juan Cotino, e Luís Sabater, exdirectivo de RTVV.