Pedro Antonio Sánchez, do Partido Popular, tamén ocupou o posto de presidente da Rexión de Murcia entre xullo de 2015 e abril de 2017. Antes diso foi conselleiro de Educación e entre 2003 e 2013 foi alcalde da vila de Puerto Lumbreras. A Audiencia Provincial de Murcia condenouno a tres anos de prisión, unha multa de 3.600 euros, e 17 anos e 3 meses de inhabilitación especial para cargo ou emprego público, ao consideralo culpable de prevaricación e falsidade en relación co proxecto do auditorio de Puerto Lumbreras cando era alcalde da localidade. Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Murcia, considérano autor dun delito continuado de prevaricación en concurso cun de falsidade por encargar a un arquitecto “verbalmente e sen previo expediente” as obras do auditorio municipal.