A Audiencia Provincial da Coruña condenou a 14 anos a ‘O Chicle’ pola violación da súa cuñada en 2005, cando esta tiña 17 anos. O tribunal impúxolle tamén a prohibición de comunicarse coa vítima e de achegarse a ela durante 22 anos, así como o pago dunha indemnización de 30.000 euros, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Os maxistrados consideran probado que o acusado, o 17 de xaneiro de 2005, tras telefonar á primeira hora da mañá en dúas ocasións á vítima para dicirlle que quería devolverlle un diñeiro ao seu pai, presentouse diante da súa casa e convenceuna, «aproveitándose da súa relación de parentesco», para que se subise ao seu coche, «decindo que irían recoller ese diñeiro». Tras entrar a menor no vehículo, o acusado, segundo a sentenza, «conduciu a gran velocidade» ata o parque San Mamede, no Concello de Lousame, onde se sitúa a capela de San Lourenzo, «nunha contorna forestal». Os xuíces subliñan que ese lugar é «moi pouco frecuentado a esa hora nun día como o dos feitos». Unha vez alí, segundo o fallo, despois de intercambiar unhas palabras e facerse co teléfono da súa cuñada e gardalo, o condenado «sacou un coitelo grande e exhibiullo á vítima, á vez que llo pasaba a modo de advertencia do seu posible uso por preto do corpo».
En 2019, a Audiencia Provincial da Coruña xa o habia condenado a prisión permanente revisable, a pena máxima que contempla o Código penal, polo asasinato con aleivosía de Diana Quer, cometido para ocultar que a agrediu sexualmente.