Coñece aos gañadores do concurso de fotografía ‘A Laracha no obxectivo’

1 minutes read
  • En total repartiranse máis de 1000 euros en premios

A primeira edición do concurso de fotografía ‘A Laracha no obxectivo’ xa ten gañadores. Profesionais e afeccionados participaron neste certame convocado polo Concello e cuxo propósito foi recoller imaxes do termo municipal onde destacaran o patrimonio material e inmaterial, as paisaxes, a etnografía rural, as aldeas ou as súas as xentes, entre outros elementos. Repartiranse 1150 euros en premios.

O concurso dividiuse en dúas modalidades, xeral e redes sociais, e casualmente as imaxes galardoadas foron tomadas en Caión.

Na modalidade Xeral foron admitidos 19 participantes, que puideron presentar ao concurso tres imaxes cada un deles.
O Concello nomeou un xurado formado por profesionais dos sectores audiovisual e turístico, composto por Fabiola Lorenzo (fotógrafa e xerente de Foto Manolo), María Castro (propietaria da casa de turismo rural Lugar de Trasande) e Nieves Pardiñas (técnico de turismo do Concello da Laracha).

O xurado, de forma unánime, acordou otorgar o primeiro premio (dotado con 500 euros) á foto titulada Lúa chea polo santuario dos Milagres, de Antonio Fernández. O segundo premio (300 euros) foi para Estrelas de Caión, unha panorámica da vila feita por Iván Gómez Costa, mentres que a terceira posición (150 euros) recaeu na instantánea Agarimos á nosa costa, de Samuel López.

Na modalidade Redes sociais participaron 15 fotografías. O prazo de votación para os internautas estivo aberto do 1 ao 9 de decembro, e en total rexistráronse máis de 3.200 gústame. A imaxe máis votada foi Excepción, de Laura Liset Valdés González, unha posta de sol sobre o mar da praia de Caión que obtivo 597 valoracións positivas e pola que a autora recibirá 200 euros.

‘Excepción’, de Laura Liset Valdés. 1º premio na modalidade de ‘Redes sociais’