Coñece por dentro a exposición do CGAC sobre Man de Camelle


O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle ata o 20 de setembro a mostra Museo (do ermitán) Man que recolle a creación artística de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man de Camelle. Trátase dunha exposición na que se lle rende homenaxe a este artista e na que se recolle a esencia da súa creación entre os anos 1969 e 1978.

A mostra inaugurada no CGAC está composta por unha selección de 606 fotografías, debuxos e escritos integrados no denominado Museum vom Einsiedler Man, Camelle. Moitas destas imaxes foron retocadas polo autor modificando as súas medidas orixinais, pintando directamente sobre as mesmas, engadindo comentarios e perfilando as siluetas das figuras captadas. Tamén se expoñen documentos escritos con explicacións sobre a súa visión da arte ou debuxos realizados en papel por visitantes do seu xardín, así como anotacións en alemán, aforismos, comentarios filosóficos ou reflexións sobre a súa propia obra a modo de manifestos.

Complementariamente, no exterior haberá unha réplica a escala real de cásaa museo, realizada polos arquitectos Creus e Carrasco, responsables tamén da restauración da propia casa museo de Man en Camelle, e por un documental inédito sobre a súa vida rodado por Joan Mallarach na década dos 80. Trátase dunha peza que non foi finalizada, que se perdeu no tempo e que agora, 39 anos despois, verá a luz grazas a esta exposición.


Man de Camelle (Radolfzell, 1936 – Camariñas, 2002)


Manfred Gnädinger foi un creador polivalente que desenvolveu o conxunto do seu labor en Camelle (Camariñas) onde chegou na década dos 60 e estivo totalmente apartado do sistema artístico. Ao longo da súa vida foi presentado polos medios de comunicación como unha persoa extravagante, o que non permitiu ver máis aló e recoñecer a súa verdadeira dimensión artística. En decembro do ano 2002 faleceu despois de que a súa obra se vise afectada polo Prestige. Anos despois, ao acceder ao interior da súa casa para recuperar os seus bens, púidose comprobar a verdadeira magnitude creativa do artista.