O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na inauguración da “Conferencia Estratéxica” que tivo lugar no Concello de Arteixo, onde puxo en valor o intenso traballo que se está realizando desde o Concello para contar cun Plan Estratéxico de Acción Local no marco da Axenda Urbana Española no que se establecerá a folla de ruta 2023-2026. Neste senso, incidiu en que este é o camiño correcto, “sobre todo porque estades contando con todo o tecido social e económico e coa cidadanía para que Arteixo avance cara a onde queren os seus veciños”.
Trenor puxo en valor o traballo da Xunta para ofrecer infraestruturas e solo máis axeitado ás empresas para o desenvolvemento da súa actividade, mirando polo desenvolvemento empresarial de Arteixo e desta área e á calidade de vida dos seus veciños. A este respecto, referiuse ás obras de ampliación do acceso ao polígono de Sabón, xa rematadas e que supuxeron un investimento de 6,6 millóns de euros; á posta en servizo da glorieta sobreelevada de Sabón, cun investimento de máis de 11 M€; ao investimento de 1,3 M€ destinado á ampliación da avenida de Vilarrodís; ou a execución do acceso ao polígono de Morás, cun investimento de 4,4 M€ para dotar dunha mellor conexión coa A-6 e a AG-55. Tamén confirmou que esta primavera se rematarán as obras para reforzar o sistema de abastecemento a Arteixo e ao polígono de Morás, que executa a Xunta e financia o Concello de Arteixo, cun investimento de máis de 3 M€.