- Rexistráronse xa as tres primeiras altas de paciente, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
- O 061 é para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia informaba que o número de casos confirmados de coronavirus en Galicia ascendía a 189, deles 45 eran da área da Coruña, 6 da de Lugo, 14 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 20 da área de Vigo, 12 da de Santiago, e 4 da de Ferrol. E estas cifras seguen vixentes ás 11:00 h deste sábado. Debido ao cambio de protocolo introducido polo Ministerio, a partir venres tamén se informará sobre os casos de infección con resultado positivo realizados na nosa Comunidade Autónoma.
Do total de pacientes positivos, 7 permanecen en UCI, 26 están en unidades de hospitalización e 79 no domicilio. Por outra banda, rexistráronse xa as tres primeiras altas de pacientes no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que dende este venres, o Sergas pon a disposición da cidadanía unha páxina web, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e para outros colectivos.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.