O Paraninfo do Reitorado da UDC está a acoller durante tres días este encontro internacional que reune a relatores e relatoras das tres universidades galegas –UDC, USC e Uvigo-, da Universidade Autónoma de Barcelona e de universidades europeas como as de Milán, Florencia, Durham e Kiel, así como a escritores e escritoras galegas e do Estado español, xornalistas especializados en viaxes e/ou turismo, fotógrafas e editores.
Este congreso sobre literatura e turismo ‘A viaxe a través da palabra’, forma parte das actividades incluídas no convenio de colaboración entre a Deputación Provincial e o Consorcio de Turismo da Coruña para impulsar a promoción internacional da cidade como destino de producións audiovisuais e de turismo cultural.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou este mércores na apertura deste congreso, onde manifestou que «a literatura ten un papel importantísimo sobre o imaxinario e o ideario cultural que nos formamos sobre os lugares turísticos» e neste sentido indicou que «a literatura dános a oportunidade de crear produtos turísticos de máis calidade». Xosé Regueira explicou que «este ano foi un dos mellores en canto a datos en número de visitantes na nosa provincia pero agora debemos camiñar máis cara a calidade que cara a cantidade, polo que temos que traballar para captar aqueles perfís que máis nos interesen para xerar unha economía sustentable cando os fluxos do mercado turístico asenten».
