Conmemorado o oitavo centenario de Afonso X cun novo libro

1 minutes read

O volume editado polo Centro Ramón Piñeiro analiza de xeito transversal a relación do monarca con Galicia. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación do libro Afonso X e Galicia na véspera do día en que se cumpren 800 anos do nacemento do monarca. Trátase dun novo volume editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades co que a Xunta de Galicia inicia o programa de actividades desenvolvido para poñer en valor a unha das figuras fundamentais do país que cultivou un extenso legado en diferentes disciplinas culturais e artísticas. O libro traza unha retrospectiva histórica na que tamén se pon o foco sobre o que Galicia lle debe ao Sabio no terreo artístico “non só polas miniaturas e a música do cancioneiro mariano, senón tamén por outras xoias promovidas desde o seu ámbito familiar como a doazón da Virxe Abrideira do convento de Santa Clara de Allariz”.