A Consellería do Mar e representantes do sector pesqueiro galego concordaron convocar un Consello Galego de Pesca extraordinario nos vindeiros días co obxectivo de analizar polo miúdo o acordo acadado entre a Unión Europea e o Reino Unido sobre o Brexit e avaliar a incidencia que terá na economía da comunidade. Este encontro permitirá aos distintos actores do sector marítimo-pesqueiro de Galicia intercambiar as súas impresións sobre o acordo e deseñar a estratexia galega na defensa dos intereses do sector de cara a paliar na medida do posible os efectos negativos que terá de xeito directo na frota galega pola perda de cotas de pesca e outras derivadas da xestión e ordenación das pesqueiras.
Así o sinalaron durante unha reunión por videoconferencia mantida entre a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e membros do seu equipo con representantes de distintas entidades asociativas do sector -as federacións galega e nacional de confrarías de pescadores, a asociación viguesa de armadores de Gran Sol Anasol, a asociación coruñesa Arpesco, a Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo e Puerto de Celeiro- na que fixeron unha análise preliminar das consecuencias do acordo.