Consenso nas decisións no ámbito Social no Concello da Coruña

Cedida.

A Comisión de Voceiras/os do Covid-19 volveu a reunirse este luns coa presenza da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, que explicou as diferentes medidas tomadas no ámbito social. A edila abordou a evolución de todo o que se determinou desde o 12 de marzo como as axudas do talón restaurante, comedores sociais, o servizo de voluntariado en domicilio e na liña telefónica “Acompáñote”; novidades na internet como a actividade sociocultural en liña da Rede de Centros Cívicos ou o albergue habilitado para as persoas sen fogar no Pavillón dos Deportes de Riazor.   Pola súa parte, a alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Economía, Xosé Manuel Lage, recolleron as propostas expostas polas voceiras e voceiros de todas as forzas políticas. Neste aspecto, a rexedora agradece o consenso acadado con todas e todos os responsables para combateren esta pandemia a nivel local. Os representantes do Goberno local informaron das proposicións que están desenvolvendo co fin de paliar os danos económicos e sociais dunha cidadanía que, segundo Rey, é “a principal prioridade do concello e isto é o que nos preocupa a todas/os. Por iso, queremos tomar as decisións que garantan ao máximo a seguridade e o benestar das coruñesas e coruñeses”.