Constatada a estabilización dos parámetros das augas do río Tambre


A Xunta informou aos alcaldes de Santiago de Compostela, de Ames e de Brión da estabilización dos parámetros das augas do río Tambre, así como dos traballos que continúa a realizar na zona da orixe do vertido para previr arrastres.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantiveron hoxe unha xuntanza cos alcaldes dos concellos que se abastecen da auga do río Tambre.

No encontro informaron dos traballos que está a realizar desde o primeiro momento na zona de orixe do vertido, unha granxa situada na parroquia de Santa María de Trazo, con medidas de vixilancia e contención.

No punto do vertido estase a frear o xurro mediante gabias de contención de 150 metros lineais con alpacas de gran tamaño e con sepiolita, que absorben o material contaminante e evitan as infiltracións.

Ademais, nas marxes do regato de Portaferreiros, o afluente do río Tambre afectado polo vertido, habilitáronse balsas de retención que se drenan para retirar a continuación o material sólido.

Máis de 15 persoas de Augas de Galicia traballan con apoio de retroexcavadoras sobre o terreo, onde tamén está mobilizado persoal do Concello de Trazo.


O obxectivo destas actuacións é evitar o arrastre de material líquido contaminante cara ao río Tambre e retirar os restos de sólido que permanecen no regato para que, ante o episodio de chuvias previsto, non se produzan alteracións nas augas do río Tambre.

Na xuntanza informouse de que desde o pasado sábado os valores de oxíxeno e de condutividade do río Tambre, parámetros que se viran alterados polo vertido, evolucionan favorablemente e na actualidade atópanse xa estabilizados.

Augas de Galicia continúa a colaborar coas forzas e corpos de seguridade para esclarecer as circunstancias nas que se produciu o vertido de xurros, que serán determinantes para concretar o alcance do expediente sancionador que está xa en tramitación.