Os datos analizados mostran que as descargas deste cefalópodo no pasado mes de xullo roldaron os 180.000 quilos, unha cifra que está por enriba da media da serie histórica para este mes -que se remonta á campaña 2003/2004- e multiplican por máis de seis as rexistradas no mesmo período do ano pasado. A evolución da facturación das lonxas galegas pola venda deste produto tamén é boa pois superou os 1,6 millóns de euros o pasado xullo, unha cifra moi superior á media histórica -de pouco máis dun millón de euros- e que case multiplica por sete os 235.000 euros acadados en xullo do ano pasado. Esta suba nos ingresos dos centros de primeira venda galegos por esta especie debeuse en boa medida ao incremento do seu prezo medio, que acadou os 9,22 euros o quilo, o segundo mellor da serie histórica, só superado polos case 10,6 euros rexistrados en xullo de 2018. A campaña do polbo de 2020-2021 foi anómala e debe terse en conta que a evolución do polbo adoita ser cíclica. Nela, ademais da actividade pesqueira, inflúen outros factores como os medioambientais e os climatolóxicos, que poden provocar descensos puntuais nas capturas.
32