O PPdeG constituíu este sábado a súa Comisión de Sanidade, que estivo presidida polo coordinador do partido nesta área, Julio García Comesaña, e quen afirmou que hai que escoitar a opinión e as achegas da xente con experiencia na xestión e na práctica sanitaria en todos os niveis asistenciais para seguir mellorando e construíndo a sanidade pública post-pandemia.
Como sinalou, de cara aos novos tempos, hai que abordar grandes retos como a reforma na organización da atención primaria, a reforma dos sistemas de saúde pública, a retención do talento para que os profesionais traballen nas mellores condicións posibles ou a innovación para incorporar novas terapias e tecnoloxías. Por todo isto, Comesaña resaltou a importancia de que a Comisión achegue as súas propostas e ideas, salientando que está conformada por un grupo de preto de 40 persoas de todos os ámbitos sanitarios.
Entre os integrantes deste foro destacan o presidente de honra do PPdeG, José Manuel Romay Beccaría, a vicesecretaria de Política Social do PP, Ana Pastor -ambos ex ministros de Sanidade-, os ex conselleiros Pilar Farjas e Jesús Vázquez Almuíña, deputados e senadores, e moitos profesionais da sanidade.