Constituída a comisión técnica sobre a delimitación das competencias autonómicas e locais

1 minutes read

Representantes da Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) constituíron a comisión técnica que avaliará os estudos de ambas entidades co obxectivo de clarificar as competencias das administracións autonómica e local. Na xornada de hoxe celebrouse a primeira das reunións deste grupo de traballo para establecer as actuacións a seguir. A comisión técnica contrastará as conclusións de ambas propostas e así chegar a acordos, sobre todo nos ámbitos onde se detecta maior dificultade para clarificar as competencias como os servizos sociais, o mantemento de centros docentes e de saúde ou a atención ás emerxencias. Por parte da Xunta, presentouse o pasado decembro o Estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración Local de Galicia, elaborado no marco dun acordo coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).