O conselleiro do Medio Rural, presidiu este venres a constitución e a primeira reunión da Mesa que coordinará a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego. Esta iniciativa está impulsada pola Xunta da man dos diferentes axentes deste eido produtivo e contempla unha serie de medidas deseñadas a partir do consenso con todos eles, contando coas achegas dos principais expertos na materia dentro da nosa comunidade.
Entre as medidas propostas e que vai avaliar esta mesa salientan a aposta pola mellora e pola promoción da calidade do leite galego e a formación orientada ao fomento da xestión empresarial e á reorientación dos procesos produtivos. Tamén se abordou o incremento da base territorial das explotacións, con instrumentos como a futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que permitirá crear polígonos agrarios dun tamaño axeitado, formados por leiras total ou parcialmente abandonadas.
A mellora dos prezos nos contratos, a promoción da negociación colectiva ou a mellora da xestión dos residuos gandeiros, a través dun plan específico, son outros aspectos tratados neste foro.