Constituída a Mesa de Coordinación dos GDR de Galicia

1 minutes read

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu o acto de creación da Mesa de Coordinación dos GDR de Galicia, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. No acto, que se celebrou no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, tamén participaron os distintos presidentes e xerentes dos 24 GDR de Galicia.
Na súa intervención, o conselleiro salientou a importancia da creación dun órgano de traballo coma este, que amosa a vontade de seguir traballando a prol do rural, ademais dun compromiso por xerar sinerxías, priorizando “a coordinación e a transversalidade”, segundo dixo. Precisamente, este novidoso órgano de traballo e participación, que contará cunha periodicidade de celebración trimestral, permitirá por unha banda abordar temas e propostas de actualidade, procedementos, suxestións de cada un dos grupos, ademais da mellora da visualización do traballo de cada un dos GDR e da comunicación entre eles.

Ademais da constitución da Mesa de Coordinación do GDR de Galicia, tamén se celebraron previamente dúas sesións formativas dirixidas fundamentalmente aos traballadores dos GDR. A primeira delas, impartida polo responsable de Control e Estratexia do Fogar de Santiso, Víctor Lama, estivo enfocada á activación do rural; mentres que a impartida polo director de programas estratéxicos de Televés, Sebastián Pantoja, orientouse ás oportunidades que ofrece a dixitalización nas aldeas modelo.