Este comité ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de investigación, vixilancia e disuasión para facer fronte aos incendios forestais na comunidade, co fin de sumar sinerxías e minimizar os danos ocasionados polos lumes no patrimonio forestal. Deste modo, creouse o Sistema estrutural de mando operativo, co fin de mellorar a seguridade e a eficacia das operacións en incendios de complexidade avanzada. Desta forma, libérase ao director técnico de extinción de cada lume de tarefas secundarias para así reforzar o seu papel na coordinación do dispositivo. Tamén se reforza a Rede de vixilancia no monte, incorporando seis novas cámaras en tres novas localizacións, co que se acada a cifra de 148 unidades en 74 localizacións. Estas cámaras contan cunha tecnoloxía de última xeración, especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal. No eido tecnolóxico, introdúcense novas funcionalidades canto á reconstrución do lume, aproveitando as máis de 4.000 emisoras coas que conta o Servizo.