- O próximo curso incorporaranse aos colexios 260 nenos de 4º de Infantil, polo que non se prevén problemas de escolarización
Este xoves quedou constituído o Consello Escolar Municipal nunha xuntanza celebrada no CEIP Xesús San Luís Romero, e que contou coa participación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como presidente; a concelleira Mar Eirís, vicepresidenta; Susana Mariño, secretaria; nais e pais de alumnos, e representantes do profesorado, das direccións dos centros de ensino e dos sindicatos entre outras institucións.
Nesta primeira xuntanza realizouse unha valoración do curso 2019-2020, marcado nestes momentos pola incidencia do coronavirus. Nese sentido, o alcalde apuntou que, dada a magnitude do problema, de producirse novas circunstancias que o motiven volvería a convocarse o Consello Escolar Municipal.
Con respecto á escolarización para o curso 2020-2021, en principio non se prevén problemas, dado que as prazas existentes son máis que suficientes para dar cabida aos 260 nenos que se incorporarán ás aulas de 4º de Infantil; e tampouco se prevé algún problema nos niveis superiores. Neste curso están escolarizadas no municipio carballés un total de 5.405 persoas, sen contar o alumnado do Conservatorio Profesional de Música nin da Escola Oficial de Idiomas.
No apartado de rogos e preguntas falouse sobre as obras do CEIP Fogar, para as que non existe aínda data de remate; a mellora dos accesos ao IES Monte Neme, unha serie de melloras pendentes no CEIP Nétoma-Razo e os horarios do transporte escolar.