«Constrúe o teu mundo», un programa de Vieiro para fomentar as habilidades persoais e sociais dos rapaces carballeses

1 minutes read

A Asociación Vieiro, dentro do programa de «Prevención escolar», puxo en marcha o proxecto Constrúe o teu mundo, co que pretenden que os rapaces e rapazas de Carballo desenvolvan as súas habilidades persoais e sociais e que aprendan a usar a tecnoloxía de forma responsable.

Esta iniciativa, que comezou o pasado luns e estará en funcionamento durante o segundo trimestre do curso escolar 2019-2020, levarase a cabo nos institutos carballeses Isidro Parga Pondal, Monte Neme e Alfredo Brañas. Os destinatarios son alumnos/as de entre 12 e 16 anos. As sesións teñen unha periodicidade semanal e unha duración aproximada de 55 minutos.

O programa Constrúe o teu mundo está dividido en tres bloques:

1.- Acompáñote. Consta de 4 sesións sobre habilidades persoais e sociais e ten como obxectivo fundamental proporcionar aos alumnos/as as habilidades necesarias para o desenvolvemento da súa vida diaria.

2.- Des-conecta. Con 2 sesións, ten como finalidade dotar de coñecementos básicos para a utilización das novas tecnoloxías dun xeito saudable e responsable.

3.- Ti elixes no que se traballa. En 2 sesións preténdese facilitar información sobre as distintas sustancias adictivas ás que os/as nenos/as poidan ter acceso.