Consulta aquí as praias da Costa da Morte con bandeira azul

Playa de Caión_Ayuntamiento de A Laracha

  • Triplo recoñecemento para o Concello da Laracha: distintivos azuis para a praia de Caión, e tamén para o Sendeiro do Saldoiro e o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte

A Fundación de Educación Ambiental (FEE) e a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) publicou a relación de iniciativas ambientais galardoadas neste 2021. A bandeira azul ondeará este verán, igual que o ano pasado, en dez praias da Costa da Morte. O distintivo recaeu nos areais de Caión, na Laracha; Arou, en Camariñas; Pedra do Sal, Razo e Saíñas, no concello de Carballo; O Ézaro, en Dumbría; a da vila de Laxe e as de A Ermida, Balarés e O Osmo, en Ponteceso.

O Concello da Laracha obtivo un triplo recoñecemento xa que, ademais da bandeira azul para a praia de Caión, tamén logrou manter o distintivo azul no Sendeiro do Saldoiro e no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte. Outro dos centros azuis que repiten é o do Museo Man de Camelle, no concello de Camariñas.

Este ano tampouco hai cambios no relativo aos sendeiros azuis: ao do Saldoiro súmanse a Ruta Litoral de Camariñas e a Senda do Mar de Razo-Baldaio, en Carballo.

Un dos cambios máis significativos é o do Club Náutico de Camariñas, que este ano perde a bandeira azul.