A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), dependente do Ministerio de Consumo, alertou da presenza desta bacteria nun lote de nécoras cocidas conxeladas da marca Pescanova, polo que recomenda ás persoas que se absteñan de consumilas. O produto foi distribuído na súa totalidade en establecementos da cadea de supermercados FROIZ e ao seu franquiado Mercamas.
O produto implicado é nécora cocida ultraconxelada, da marca Pescanova, co número de lote ‘40224’ data de caducidade de outubro do 2024. Recoméndase ás persoas que teñan no seu domicilio produtos desta alerta se absteñan de consumilos e no caso de que o fixeran, e presentar algunha sintomatoloxía compatible coa salmonelose, deben acudir a un centro de saúde.
Aínda que a alerta foi recollida a través do Sistema Coordinado de Intercambio Rápido de Información (SCIRI) grazas a unha notificación da Comunidade de Madrid, desde a AESAN advirten que a cadea de supermercados ten tamén implantación nas comunidades autónomas de Galicia, Castela-A Mancha e Castela e León.
O grupo pesqueiro Nova Pescanova retirou de forma preventiva o lote de nécoras cocidas conxeladas ante a alerta de posible salmonela, aínda que subliña que as análises ao produto que levou a cabo deron resultados negativos. «Trátase dun produto cocido e que, por tanto, está sometido a un tratamento térmico que elimina a presenza de salmonela», afirmou a marca nun comunicado. A compañía expresa a súa colaboración coas autoridades sanitarias e instou aos compradores a que proceden á súa devolución no punto de venda, onde se lles reembolsará o importe.
Sintomatoloxía da salmonela:
Xeralmente os síntomas caracterízanse pola aparición brusca de febre, dor abdominal, diarrea, náuseas, vómitos, cefalea e mialxias e aparecen entre 6 e 72 horas despois da inxestión de alimentos contaminados con salmonela, e a enfermidade dura entre 2 e 7 días. Na maioría dos casos, os síntomas de salmonelose son relativamente leves e os pacientes recupéranse sen tratamento específico. Con todo, ás veces e particularmente en nenos pequenos e anciáns, a deshidratación causada pola enfermidade pode ser grave e poñer en perigo a vida.