Conta atrás para o arranque da 31ª Mostra de Encaixe de Camariñas

1 minutes read
  • O evento desenvolverase ata o domingo no pavillón Víctor Vigo. A inauguración oficial será ás 17:00 horas

Chegou o día. Este mércores, ás 17:00 horas, o pavillón Víctor Vigo acolle a inauguración oficial da XXXI Mostra de Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, un evento onde se mesturan artesanía, deseño, cultura, música, tradición e gastronomía. Intervirán a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a subdelegada do Goberno, María Rivas; e o delegado da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor.

Ás 18:00 horas celebrarase o desfile PequeEncaixe para, posteriormente, dar paso á pasarela de Grandes Deseñadores coa actuación de Irma Macías. Este concerto, xunto ao da orquestra El Combo Dominicano, terá un fin solidario: o diñeiro recadado irá para a Asociación Ataxia STOP FA. Como novidade, nesta edición o coordinador dos desfiles será o modelo internacional Damián Álvarez a través da súa empresa Gubem Event.

Durante cinco xornadas as persoas que visiten o pavillón municipal de Camariñas poderán gozar de varios desfiles onde participan deseñadores locais, nacionais e internacionais. Hai confirmadas 12 grandes firmas, 12 participacións na sección ArtEncaixe, 25 noveis deseñadores, o novidoso espazo de VodaEncaixe e, por suposto, os tradicionais encontros de palilleiras. A nivel musical destaca tamén o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

O pase ao recinto ten un prezo de 2 euros, ao igual que o acceso a cada desfile. Poderase adquirir un pase para a entrada ao recinto e un desfile por 3 euros, aínda que tamén existe a posibilidade dun bono por 12 euros que inclúe entrada ao recinto todos os días máis un desfile por día. Será indispensable o uso de máscara sanitaria.

Consulta aquí o programa completo.