Conta Láctea | Nova aplicación para negociar os gandeiros os prezos do leite


Aumentar o poder negociador dos gandeiros sobre o prezo do leite. Este é o principal obxectivo de Conta Láctea, a aplicación informática posta en marcha pola Xunta para facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras. Así o expuxo o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a presentación desta app ao sector, un acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia e no que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade.

Con esta ferramenta os produtores non só poderán calcular os seus custos de produción e así incrementar a súa rendibilidade, senón que -como empresarios- poderán tamén mellorar esa posición nas negociacións dos prezos. Trátase dunha aplicación posta á enteira disposición do sector para cubrir unha das necesidades detectadas a través da Estratexia de dinamización do lácteo: a mellora da xestión económica das explotacións.