Contas detecta «falta de transparencia» no contrato co que a Xunta paga máis de 70 millóns anuais a Povisa

Por que o Servizo Galego de Saúde paga a cantidade que paga ao hospital privado Povisa, de referencia para máis de 130.000 persoas na área sanitaria de Vigo? É unha das preguntas que o Consello de Contas tenta responder no seu informe de fiscalización sobre o concerto que mantén o Sergas co policlínico vigués. O ente fiscalizador das contas públicas galegas non é quen de responder por mor da «falta de transparencia» coa que a Xunta negociou con esta empresa o contrato a través do que lle paga uns 80 millóns de euros ao ano.

No informe, entregado este 26 de xullo ao Parlamento, Contas analiza o concerto que entrou en vigor en setembro de 2014 e detense no seu funcionamento ata o verán de 2016. Adicionalmente, debulla algúns dos termos do novo acordo asinado entre o Sergas e Povisa a comezos de 2019.

A «novidade fundamental» do acordo de 2014 con relación aos anteriores é que Povisa pasou de recibir fondos públicos en función da «actividade realizada» a contar cun «importe fixo de 540 euros por doente» da sanidade pública que ten asignado. «Semella -razoa- que o concesionario ten garantido un importe ao ano con independencia da utilización do servizo por parte da poboación», toda vez que «o límite máximo de poboación que pode escoller povisa é de 139.000 persoas», pero o concerto tamén garante un mínimo de 120.000 se a baixada é «consecuencia de medidas adoptadas» pola Xunta, explica Contas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha