- Este sábado desenvolveuse un novo obradoiro de poda e enxerto en Viveiros Amado
O Concello da Laracha ten en marcha a campaña de poda de árbores en espazos públicos municipais. Nos últimos días acometeuse a poda das árbores situadas xunto ao acceso ao IES Agra de Leborís pola rúa Manuel Murguía e tamén se realizaron traballos de retirada de árbores caídas no río Anllóns á altura do Formigueiro, «limpándose a canle fluvial e favorecendo a circulación da auga», destacan desde o goberno local. As actuacións máis amplas xa se realizaron hai varias semanas no campo da feira de Paiosaco e tamén na Avenida Fisterra, á altura das Torres de Cillobre.
Nos próximos días está previsto realizar a poda do álamo da praza xunto ao centro médico da Laracha. Tamén se levarán a cabo traballos de similares características noutras localizacións públicas do termo municipal como a Praza do Concello e o parque Maximino Canedo. No paseo marítimo de Caión a intervención consistirán no rebaixe dos setos.
Obradoiro de poda e enxerto
Por outra banda, as instalacións de Viveiros Amado acolleron este sábado un obradoiro de poda e enxerto baixo a organización do Concello. Participaron un total de 40 persoas: 20 esta fin de semana e outras 20 na primeira quenda do sábado pasado. As inscricións foron gratuítas.
