Continúa a estratexia de vacinación fronte á covid


Galicia continúa coa súa estratexia de vacinación fronte á covid programando ao redor de 37.000 citas diarias nos distintos puntos de vacinación das sete áreas sanitarias. As citas fanse a través de SMS. Na actualidade estase a inocular a dose de reforzo que se administra cunha vacina de ARN mensaxeiro, xa ben sexa Pfizer ou Moderna, indistintamente, tal e como contempla a estratexia de vacinación, e en función da vacina enviada polo Ministerio de Sanidade.
Os grupos que están a ser vacinados nesta fase son as persoas de entre 60 a 69 aos e os profesionais dos centros sanitarios e sociosanitarios. Ademais, a Xunta de Galicia prosegue coas respescas dos maiores de 70 anos, ou dos vacinados con Janssen.

Estratexia de vacinación avalada polos expertos

Tal e como subliña a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o reforzo, indistintamente con calquera das dúas vacinas de ARN mensaxeiro, incrementa a inmunidade e, en consecuencia, reduce os ingresos hospitalarios e os falecementos. Por conseguinte, esta dose de reforzo, que mellora o nivel de anticorpos, protexe aínda máis ás persoas vacinadas.
Cómpre remarcar que a estratexia de vacinación está avalada por unha comisión de expertos de todas as comunidades autónomas, así como pola Comisión Nacional de Saúde Pública.
En consecuencia, reitera que a vacina é a mellor ferramenta na loita contra a covid.