Continúa a extensión do servizo de saneamento na zona rural carballesa

Cedida.

  • O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos visitaron os traballos que se están a desenvolver entre Evas e A Piña, na parroquia de Sofán.

O Concello de Carballo continúa coa extensión do ciclo integral da auga, un dos principais obxectivos e prioridades do Goberno local, como tamén o é seguir completando a rede de saneamento. Nestes momentos chega a máis do 90% da poboación, e continúa a medrar con 15 novos quilómetros de rede na zona rural.

Despois dos proxectos completados en Taboada e A Granxa (Entrecruces); O Pinar e Pedra do Sal (Lema), Vilar do Carballo (Oza), Razo da Costa e Santa Mariña (Razo), Betrís e Ribeira (Rus), e Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar (Artes), nalgún caso só pendentes das reposicións, nestes momentos estase a traballar no treito A Piña-Evas (Sofán), no que se colocarán case tres quilómetros de tubaxes. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, fixeron un percorrido de seguimento dos traballos, que avanzan a bo ritmo.

Na práctica totalidade das actuacións que se están a acometer inclúense tanto as redes de saneamento coma as de abastecemento, evitando ter que volver a abrir gabias no futuro. É o caso da ampliación das redes no lugar de Vella Morta, na estrada de Carballo a Razo, ou do proxecto que se desenvolverá nos lugares do Curro, O Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda, na parroquia de Berdillo. O mesmo modelo seguirase nos proxectos de Cambre e Outeiro (Lema) e Cambrelle (Razo), e de Leboreo, Requeiro e A Rega (Bértoa), que están en contratación.

O investimento nestes novos saneamentos supera, en total, os dous millóns de euros.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha