Continúa a limpeza nas marxes das estradas autonómicas


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias galegas, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, á que destina un investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

No marco destas actuacións, continuan os traballos na vía de altas prestacións Brión-Noia, na estrada OU-801, entre Ribadavia e Ponte Barxas, e na PO-308, en Sanxenxo.

Ademais comezan novas tarefas de mantemento nas marxes da vía de altas prestacións CG.2.1, en Monforte de Lemos.

Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade autonómica, dando así cumprimento á Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais.