Continúa a queima de contedores en Carballo


Persoa ou persoas descoñecidas, polo momento, traen en xaque ás forzas de seguridade que tratan de esclarecer varios feitos delituosos relacionados coa queima de contedores do lixo, sobre todo localizados na zona do barrio do Chorís. Na madrugada do xoves ao venres do día 18 producíronse diversos danos por lume en tres deles situados á altura do número 34 da rúa Andorra. O día 23 tocoulle o turno aos da rúa Alfredo Brañas e a primeira hora da madrugada do día 24 foron incendiados os que están situados na confluencia desta mesma rúa coa Vázquez de Parga. En ocasións os propios veciños actúan con celeridade e son quen de atallar o lume, pero en outros casos e necesaria a intervención dos medios de extinción da propia Policía Local e incluso dos Bombeiros. Os corpos policiais traballan na investigación destes feitos tan perigosos, que poden derivar en danos maiores dos xa producidos nalgúna vivenda, vehículo e nos propios contedores, facendo un chamamento á colaboración cidadá para tratar de identificar e deter ao causante ou causantes destes delitos.