Continúa aberta a convocatoria da VII edición do programa pedagóxico “Aula de Patrimonio”

santiagodecompostela.gal

  • O premio do centro gañador será unha viaxe a unha das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España mantén aberta a convocatoria da sétima edición do programa pedagóxico Aula de Patrimonio, no marco do curso escolar 2019-2020, destinado a estudantes das 15 cidades membros da rede.

O obxectivo de Aula de Patrimonio, que nas súas edicións anteriores contou coa participación de preto de 9.000 alumnos, é que os mozos e mozas que viven e estudan nas cidades patrimonio realicen actividades de investigación e difusión ao redor dos valores que fixeron que estas 15 localidades merezan estar inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Os destinatarios do programa son grupos de escolares de centros do primeiro ciclo (1ª 2ª e 3º curso) de Educación Secundaria públicos e concertados das 15 cidades que forman o Grupo Cidades Patrimonio, que deberán presentar un proxecto centrado nas boas prácticas sobre conservación e difusión do Patrimonio Mundial de calquera das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España. O formato do traballo é libre, valorándose a orixinalidade da proposta. As solicitudes de participación de todos os centros que desexen participar xestionaranse exclusivamente a través do formulario aloxado na páxina web do Grupo e deberán enviarse antes do 15 de marzo de 2020.

O fallo farase público mediante nota de prensa e a través das redes sociais do Grupo antes do 1 de maio de 2020.

O premio do centro gañador do certame nacional será unha viaxe para os alumnos da clase autora do traballo a unha das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade. O resto de centros seleccionados polas cidades para optar ao premio nacional obterán como premio un vale intercambiable por material tecnolóxico, por valor de 1.000 euros IVE incluído.

Aula de Patrimonio é unha actividade organizada pola Comisión de Educación e Cultura do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, dentro da súa Área de Educación.