Os concellos galegos interesados en axudar economicamente aos hostaleiros do seu municipio teñen de prazo ata o 30 de abril para sumarse á plataforma habilitada pola Xunta para adiantar e axilizar as achegas municipais que complementarán ás que xa puxo en marcha a Administración autonómica dentro do primeiro e do segundo plan de rescate a autónomos, microempresas e hostaleiros, dotado en total con 160 millóns de euros.
O acordo permitirá á Xunta adiantar os cartos que os concellos destinen aos seus propios hostaleiros, aos que se lles detraerá posteriormente a cantidade, ben con cargo ás transferencias do Fondo de Cooperación Local, ben con cargo ás partidas orzamentarias municipais, segundo o que prefira cada un dos adheridos.
O sistema foi moi ben acollido polos concellos galegos que acordaron colaborar economicamente cun dos sectores máis castigados pola crise, como quedou probado polo feito de que foron moitos os que manifestaron o seu interese en sumarse á plataforma habilitada pola Xunta, independentemente da cor política dos seus gobernos locais.
