Continúa aberto o prazo para as candidaturas ás Medallas Pardo Bazán á igualdade


Estes galardóns outorgan cada ano recoñecemento público ás accións desenvolvidas na Comunidade galega que teñan contribuído -e destacasen nesta tarefa- á defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes. O prazo estará aberto ata o próximo 12 de maio.

As candidaturas poden ser propostas directamente a través da Sede Electrónica da Xunta por calquera persoa física ou xurídica, organismos, entidades, asociacións e mesmo administracións públicas, que desexen resaltar o labor dalgunha persoa, entidade ou institución polo seu traballo a prol da igualdade.

Xunto coa proposta, os promotores deben achegar unha memoria ou informe en que se expoñan as causas, motivos e circunstancias, debidamente razoadas e fundamentadas, polas que promove a concesión da medalla á persoa ou entidade en cuestión.

Estes galardóns, que acadan a súa terceira edición, materializan o compromiso da Xunta polo recoñecemento e a incentivación daquelas actuacións relevantes que promoven as mesmas oportunidades para mulleres e homes. Cada ano concédense ata un máximo de tres condecoracións que teñen carácter meramente honorífico.

Na última edición, concedeuse este mérito a Megumi Shiozawa (a título póstumo), á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) é a Asociación Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo.

As medallas levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e do feminismo e polo seu carácter reivindicador da educación das mulleres; tendo incorporado en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.