O Concello da Laracha lembra que continúa aberto o programa de acollemento no viveiro de empresas municipal do polígono industrial. As persoas interesadas deben presentar a súa instancia debidamente cuberta e acompañada da memoria que describa o proxecto para ter a posibilidade de acceder ben a unha das dúas naves ou ben a unha das oito oficinas que se ofertan no modelo coworking. O aluguer das naves terá unha cota mensual de 300 euros e o das oficinas, de 60 euros. En ambos casos incluirán servizo de recepción, telefonista, telefonía fixa, acceso a internet, correo electrónico, limpeza, seguro, alarma de vixilancia e emprego das zonas comúns (sala de reunións e aulas polivalentes). A estadía máxima é de doce meses prorrogables por outros seis máis. O contido do programa de acollemento de empresas no parque empresarial da Laracha pode consultarse ao completo na web municipal (www.alaracha.gal).