O programa itinerante que se está a levar a cabo en colaboración coas asociacións e os consellos parroquiais avanza con moita participación e unha excelente acollida por parte da veciñanza. En Aldemunde rematou o curso de manexo do teléfono móbil que prosegue cun charlas sobre seguridade viaria, accidentes no fogar ou compostaxe.
Os axentes de mobilidade da Policía Local, José Antonio Andrade e Ramón Anido, achegáronse ata o centro social, acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e polos concelleiros Juan Seoane e Mar Eirís, para achegar algúns consellos básicos para mellorar a seguridade peonil ou nos vehículos agrícolas. Durante a sesión, que se prolongou durante 45 minutos, os asistentes interesáronse tamén por outras cuestións relacionadas co traballo policial, como o deterioro das vías orixinado polo transporte de madeira.
Despois de Aldemunde, o programa Actívate viaxará ata a parroquia de San Miguel de Vilela. Este sábado 4 xa se celebra no lugar do Castelo un dos catro cursos de poda programados para esta temporada.
Para o mércores 8 está previsto un obradoiro sobre compostaxe cun mestre composteiro, e o día 15 rematará o programa Actívate en Aldemunde cunha xornada moi interesante sobre primeiros auxilios no fogar que ofrecerá o xefe de Protección Civil.
O 28 de febreiro terá lugar un curso de móbiles en Carballo. As persoas que queiran participar aínda están a tempo de inscribirse, ou ben na Biblioteca Rego da Balsa ou ben enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal.