Novas críticas en Vimianzo por utilizar a estrada do Mosquetín como vertedoiro

Concello de Vimianzo

  • O goberno local lembra que existe un punto limpo no parque empresarial, así como unha recollida a domiclio ao mes

O Concello de Vimianzo volveu a recriminar nas súas redes sociais a actitude incívica dalgunhas persoas que, a pesar de coñecer a existencia do punto limpo, seguen depositando o lixo en plena natureza. Desta vez as queixas prodúcense tras atopar varios elementos electrónicos na estrada do Mosquetín, unha zona de visitas turísticas.

Desde o goberno local piden máis responsabilidade e colaboración cidadá para denunciar feitos coma este que, aparte de prexudicar o medio ambiente, tamén danan a imaxe da vila.

O punto limpo atópase no parque empresarial, e funciona os xoves de 9:00 a 13:00 e 15:00 a 19:00 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas. Ademais, tamén se pode solicitar o punto limpo móbil unha vez ao mes. Ambos servizos son gratuítos.