Continúan as actuacións de limpeza e asfaltado nas vías municipais de Carballo

Intervenciones en Vilela_Ayuntamiento de Carballo

  • O Concello de Carballo conta por primeira vez cun servizo de mantemento integral de vías

A limpeza das marxes das pistas e a posta a punto do firme convértese nesta época do ano nunha tarefa contra o reloxo para todos os municipios galegos. Por primeira vez, o concello de Carballo conta cun servizo de mantemento integral da rede viaria no que traballan operarios municipais e empresas externas. O obxectivo destas tarefas é «aproveitar ao máximo a época estival para ter as pistas municipais nas mellores condicións posibles antes do inverno», destacan desde o Goberno local.

Con máis de 1.200 quilómetros de vías de titularidade municipal, en Carballo os traballos iniciáronse pola zona costeira. Para os labores de roza están dispoñibles a diario entre 5 e 10 tractores. Ademais das actuacións que se realizan na rede viaria, tamén se están a acondicionar os espazos públicos como o circuíto de velocidade de Bértoa. Posteriormente actuarase no polígono industrial. Mentres avanza a roza polas parroquias de Bértoa e Goiáns, nas vías das parroquias do litoral que xa están limpas comezaron os asfaltados. Estes días centráronse na parroquia de Vilela, e ata alí achegáronse o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas, e Mobilidade, Juan Seoane.

O contrato de servizos de conservación, mantemento e reparación das vías públicas inclúe, por unha banda, as vías das parroquias e, por outra, as urbanas. A empresa Construcciones López Cao é a encargada dos traballos, que constitúen un dos tres eixes do servizo integral de mantemento da rede viaria municipal, xunto coa sinalización e a roza. A estabilidade do servizo garantirase mediante contratos de ata cinco anos de duración con empresas especializadas. O investimento total sitúase arredor dos 2,5 millóns de euros.

Por outra banda, a empresa SACYR Conservación é a encargada da conservación, reposición e traballos de sinalización horizontal e vertical na rede viaria.

O terceiro eixe, o de roza das vías, divídese en dous lotes: un para espazos de uso público e outro para vías municipais en todas as parroquias. Do primeiro encárgase a empresa de José Luis Campos Campos, encargada da roza de zonas como o paseo fluvial do Anllóns, a contorna do cemiterio municipal, os aparcamentos das praias, o circuíto do motor, a Ruta das Férvedas, zonas verdes, vías e parcelas do polígono industrial de Bértoa, parcelas urbanas municipais, campos da festa de todas as parroquias e baldíos en solo rústico. En canto á roza de vías, o contrato vén de ser adxudicado á firma Jardincelas, e está pendente de asinarse.