Os sindicatos CIG-Ensino, CSIF e STEG anunciaron este mércores todo un calendario de mobilizacións no sector da educación para novembro, que inclúe varias concentracións, unha manifestación en Santiago o día 19 e unha xornada de folga o día 28 ante a negativa da Xunta a “abrir un proceso de negociación’ tras mostrarse en desacordo estas organizacións co último acordo alcanzado.
Representantes dos tres sindicatos explicaron en rolda de prensa este xoves que o obxectivo é que sexa “un mes de protesta e contestación”. “As tres organizacións chamamos o pasado 24 de outubro ao profesorado galego a unha folga que foi, tanto no seu seguimento como en participación na manifestación en Santiago, a maior desde 2009″, lembrou o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, para evidenciar a falta de apoio ao acordo asinado ‘por unha minoría sindical” coa Conselleria de Educación.
Afirma que o profesorado galego é “o peor tratado de todo o Estado e pide “non renunciar” aos seus dereitos. “Ten que haber unha serie de propostas en prazos asumibles que dean resposta ás demandas que durante todos estes anos defendiamos unanimemente todas as organizacións sindicais*, comentou. Consideran que o acordo rubricado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e os sindicatos CCOO, ANPE e UXT a mediados de outubro non cobre de forma satisfactoria, cuns prazos viables, as catro reivindicacións básicas da comunidade educativa: a baixada de cocientes, a redución do horario lectivo, a redución da burocracia e a repartición lineal dos recursos económicos.
Ante isto, relatou Bermello, apelaron ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para que ‘rectificase” e “abrise un proceso de negociación para superar o acordo asinado o pasado 11 de outubro por tres sindicatos que non representan máis do 40% do profesorado’.
“Non obtivemos ningún tipo de resposta e como afirmamos tamén ao finalizar a anterior manifestación, se non habia un movemento por parte da Conselleria, a única resposta posible que queda é a mobilización”, aseverou, lamentando ademais o que tachou de “desprezo” por parte do Goberno galego.
CALENDARIO DE MOBILIZACIÓNS E VONTADE NEGOCIADORA
A primeira cita será o vindeiro xoves 9 de novembro, cando se prevén actos de protesta en todos os centros educativos. O martes 14 de novembro celebraranse concentracións nas sete cidades galegas, “en horario de tarde para permitir a participación de todos”.
Nesa mesma semana, para o domingo 19 de novembro, está prevista unha manifestación nacional en Santiago de Compostela, e xa por último, o martes 28 de novembro, está convocada unha folga que, ademais, irá acompañada dunha manifestación. Con todo, insisten na súa vontade negociadora e, por iso, anunciaron tamén que este mesmo xoves remitirán unha carta a Román Rodriguez evidenciando todo o malestar e instándoo de novo a que tome a palabra se quere frear pola vía da negociación este calendario.
E frear significa dar cumprida resposta, recibirnos como sindicatos que conxuntamente temos a representación do 59% do profesorado, discutir aqueles aspectos que as tres organizacións sindicais poñemos en común como elementos fundamentais e se hai esa vontade negociadora, evidentemente nós estamos dispostos a todo°, indicou Bermello. Pola súa banda, o secretario de acción sindical de STEG, Lois Pérez, tamén se sumou á crítica ao acordo asinado por sindicatos e Consellería e, dado que non cumpre o esixido, considera “un paso lóxico e imprescindible organizar estas accións reivindicativas.