As obras de mellora da rede viaria municipal de Malpica continuarán por Loutoño

Loutoño, Malpica_Google Maps

  • O obxectivo destas intervencións é mellorar unha vía moi empregada polos agricultores do municipio

A mellora da rede de vías e camiños do termo municipal de Malpica é, sen lugar a dúbidas, unha das máximas premisas do goberno local. Proba deste compromiso é o vindeiro proxecto que o executivo levará a cabo na parroquia de Cambre; en concreto no lugar de Loutoño. Esta obras contarán cun orzamento de 38.632,61 e terá un prazo de execución dun mes.

Como explica o alcalde de Malpica, Walter Pardo, “o obxectivo destas intervencións é mellorar este camiño rural, moi empregado polos agricultores do municipio, sobre todo para acceder ás súas fincas”.

Actualmente, este camiño está intransitable debido á invasión da vexetación e ao deterioro do firme. O proxecto do Concello pretende solucionar estes problemas, axustando o camiño ás características do tráfico rodado. Para logralo, o plan inclúe labores como a retirada da masa vexetal, a apertura de cunetas ou a realización da canalización de augas de escorrentías mediante a formación de taxeas e as embocaduras correspondentes.