Continúan os traballos de limpeza nas marxes das estradas autonómicas


Concretamente, este xoves proseguirán os labores en execución nas estradas da provincia da Coruña: AC-840, en Oza-Cesuras, na vía de altas prestacións VG-1.4, ao seu paso polo municipio de Fisterra, e na autovía AG-64, en Narón.

Continuarán tamén estes traballos na vía lucense LU-540, ao seu paso polo municipio de Viveiro. Ademais na provincia de Ourense seguirán as intervencións iniciadas a finais do pasado mes de novembro na estrada OU-300, en Allariz.

Na provincia de Pontevedra prolongaranse os traballos en execución na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra; e na vía de altas prestacións VG.-4.4, Lourizán-Ardán, en Pontevedra e en Marín.

Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos realizados eliminan árbores que poderían caer á vía en caso de temporal e evitan que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da vía animais como os xabarís.