Continúan os traballos de renovación na antiga escola de Reboredo, Vimianzo

1 minutes read
  • As accións responden ao arranxo do mobiliario, ao remate das portas e ventás interiores e a diversas melloras na parte principal

O Concello de Vimianzo segue coa posta a punto da antiga escola de Reboredo, actual centro sociocultural. Agora mesmo estanse executando os traballos de renovación no seu interior grazas ao alumnado do obradoiro de emprego. En concreto as accións responden ao arranxo do mobiliario, ao remate das portas e ventás interiores e a diversas melloras na parte principal, como a reposición dos materiais.

O pasado mes de decembro, o goberno local acordara o acondicionamento do almacén para desenvolver actividades culturais e gastronómicas. Así, reparouse completamente a cuberta, adecuouse o interior para facelo habitable e tamén se instalaron dous equipos completos de cociña. O orzamento para estes traballos alcanzou os 43.089,35 euros, dos cales 34.643,84 foron aportados polo Grupo de Desenvolvemento Rural-GDR Costa da Morte.

«Este é un dos edificios máis singulares de Vimianzo, e queremos que sexa epicentro de moitas das actividades culturais que se poidan desenvolver cando todo isto pase”, sinala o edil de Obras, Miguel Ángel Pérez.