- O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, levou ao Parlamento galego este mércores 12 de novembro a problemática dos recortes de profesorado especializado en alumnado con necesidades específicas en centros de ensino da comarca, nomeadamente en Cee e Muxía. Trátase do CEIP Vila de Cee, IES Agra de Raíces, CEIP Os Muíños, CEIP Virxe da Barca e CEIP Vilarmide.
- O director xeral de Centros e Recursos Humanos explicaba que as aulas cumpren as ratios, e mesmo parte delas están por debaixo dos máximos.
Tras ser interpelado por Insua na Comisión 4ª de Educación e Cultura, o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, negou que os centros escolares de Muxía e Cee necesiten de máis docentes especialistas para atender aos escolares que teñen necesidades educativas especiais, así como de coidadoras ou coidadores para as crianzas que o necesiten, alegando que ditos colexios están dotados por riba do catálogo establecido por Educación.
“Poña por escrito todos os datos que acaba de expoñer nesta comisión parlamentaria, e logo os contrastamos; vostede está a tomarnos por parvos”, indicou o parlamentario nacionalista ao alto cargo de Educación, lembrándolle que “as familias que se mobilizan polos dereitos dos seus fillos e fillas non o fixeron por capricho, senón porque se trata dunha necesidade real”.
Ademais, e logo de varias peticións de Oscar Insua, o director xeral negouse a valorar as afirmacións realizadas por representantes da Consellería de Educación a familiares do alumnado afectado, nas que chegaron a dicir que o profesorado “ten que tomar menos cafés e involucrarse máis”.
Durante a súa intervención, o deputado nacionalista sinalou que tanto o CEIP Vila de Cee como os centros de Muxía precisan de máis horas semanais de docentes de pedagoxía terapéutica (PT).
No caso do IES Agra de Raíces, Insua salientou que no curso pasado o instituto contou con dous PT’s, unha coidadora e un profesor de audición e linguaxe(AL) que estaba compartido. “E sen embargo, este ano teñen unha coidadora soa, non teñen especialista AL e teñen dous PT’s, cando en realidade farían fata catro, segundo demandan a ANPA; ademais de necesitar dúas coidadoras e polo menos un especialista de audición e linguaxe”, subliñou.
Postura do PP
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, Jesús Álvarez, defendeu ante a Comisión 4ª do Parlamento que os centros educativos da Costa da Morte contan con todos os recursos axeitados para atender ao seu alumnado matriculado e coas aulas moi por debaixo das ratios que fixa a normativa, o que garante unha resposta educativa próxima e personalizada.
O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP reivindicou o “compromiso” do Goberno galego “coa educación pública, coa inclusión e coa atención á diversidade” que se demostra a través de feitos como o reforzo dos recursos malia o contexto de descenso demográfico.
Jesús Álvarez referiuse, en concreto, aos colexios Vila de Cee, os Muíños e Virxe da Barca (ambos en Muxía) e ao instituto Agra de Raíces (Cee), onde a dotación do profesorado especialista e de apoio é a axeitada ás necesidades do alumnado. Mesmo nalgúns destes centros o plantel de profesorado é incluso superior ao que lle corresponde por catálogo, isto é, por número de alumnos matriculados. Tamén subliñou que a atención á diversidade é unha tarefa colectiva do conxunto do profesorado do centro e, nestes casos, hai profesorado con dispoñibilidade de horas semanais sen docencia que se poden organizar para a atención e reforzo en función das necesidades.