Contratados 40 traballadores na Costa da Morte a través do programa Galicia Emprega

1 minutes read

O programa Galicia Emprega na Costa da Morte apoia a contratación de 40 persoas, das cales 18 correspóndense coa liña Emprega Muller, 18 coa liña Emprega Xuventude e 4 coa liña Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude. En total, estas contratacións contan cunha achega da Xunta de máis de 254.000 euros.

As empresas beneficiadas están situadas nos concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Cabana de Bergantiños, Vimianzo, Ponteceso, A Laracha, Zas, Muxía, Cee, Fisterra, Cerceda e Camariñas.

Galicia Emprega contará cun orzamento de 10,5 millóns de euros -un 12% máis ca na convocatoria deste ano- para fomentar o traballo na Comunidade. Esta convocatoria volve a incluír as catro liñas de axudas -Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude. Impúlsase, deste xeito, a contratación dual en catro dos colectivos prioritarios da Xunta á hora de acceder ao mercado laboral.

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, mantivo un encontro este luns en Ponteceso cun dos beneficiarios pola orde de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Galicia Emprega e concretamente da liña Emprega Xuventude.