Policías nacionais, gardas civís, axentes locais e efectivos da Policía Autonómica vixiarán, expresamente, que aqueles locais que se acolleron as axudas polo peche do seu establecemento permanezan realmente pechados ata o 3 de xaneiro. O peche non se reduce á noite ou ao horario no que previamente ían celebrar festas e cotillóns, senón que debe manterse as 24 horas dos días sinalados.
Os controis nas datas de Fin de Ano e Reis serán intensos para garantir o cumprimento das restricións aprobadas no último comité clínico, e que se estenden ata o 18 de xaneiro do 2022.
Entre outras cuestións, os axentes vixiarán que se cumpran os horarios da hostalería e do lecer nocturno, a necesidade de pedir o certificado covid nestes locais ou a prohibición de celebrar festas privadas nestas datas ou botellóns, que están prohibidos.
As autoridades e os mandos policiais recordan a necesidade de seguir respectando as restricións ás que obriga a situación sanitaria pola covid-19, e recordan que o uso da máscara xa non é obrigatorio só nos interiores, senón que debe levarse tamén na rúa.