Controlado o perigo para as vivendas nos lumes de Corme e Camariñas

3 minutes read

Os veciños que este luns tiveron que se evacuados regresaron ás súas casas, aínda que foron moitos os que decidiron pasar a madrugada lonxe das súas vivendas, agardando a que se fixese de día para retornar. Segundo informan as autoridades, xa non hai risco para as vivendas nin hai estradas cortadas. Con todo, polo momento non se rebaixou o nivel de Situación 2 de emerxencia. En Corme Aldea o lume prendeu pasadas as dúas da tarde deste martes, e segundo as últimas estimacións de Medio Rural queimou máis de 60 hectáreas. O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, explicaba de madrugada que os efectivos de extinción se centraban nun foco na entrada de Corme Porto «para tentar chegar vivos á mañá». Unha ducia de persoas permanecía no pavillón municipal e outras estaban con familiares.

Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 3 técnicos, 10 axentes, 12 brigadas, 11 motobombas, 4 pas e 3 unidades técnicas de apoio. A última hora da tarde deste martes puideron incorporarse aos labores de extinción 2 avións, que operaron na zona malia que as condicións climatolóxicas non eran favorables para os medios aéreos.

Ademais, participan nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), logo de que a Xunta activase a solicitude.

En Xaviña, Camariñas, o lume iniciouse pouco antes das cinco da tarde deste martes, e a superficie queimada chegaba, segundo a última actualización de Medio Rural, ás 50 hectáreas. A situación 2 decretouse como medida preventiva pola proximidade do lume ás vivendas do lugar de Pedrouzo.

Información da situación á última hora deste mércores

Desactivada a Situación 2. Activo Camariñas-Xaviña

Seguía activo o incendio forestal do concello de Camariñas, parroquia de Xaviña, malia que xa se desactivou a Situación 2 ás 19.58 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 16.57 horas de onte e afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 3 técnico, 13 axentes, 14 brigadas, 11 motobombas, 2 pas e 4 helicóptero. Tamén participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Desactivada Situación 2. Activo Ponteceso-Corme Aldea

Continuaba activo o incendio forestal no concello de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que xa se desactivou a Situación 2 ás 19.58 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14.12 horas de onte e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.

Ata o momento, para a súa extinción mobilizáronse 7 técnicos, 16 axentes, 20 brigadas, 16 motobombas, 4 pas e 3 unidades técnicas de apoio. Ao longo desta mesma mañá puideron incorporarse aos labores de extinción medios aéreos, grazas a unha mellora das condicións meteorolóxicas. Ademais, participaron nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Ponteceso-Brantuas

Ás 19.13 horas deste mércores quedou controlado outro incendio neste mesmo concello, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afectou unha superficie de arredor de 200 hectáreas. O lume comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción 5 técnicos, 22 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 11 avións.

Controlado Ponteceso-A Graña

Seguía controlado desde as 20.09 do luns o lume forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afectou unha superficie de preto de 100 hectáreas. O incendio comezou ás 00.30 horas da madrugada do domingo e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 3 técnicos, 21 axentes, 24 brigadas, 24 motobombas, 2 unidades técnicas de apoio e 9 helicópteros.