A xefa do servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Coruña, María José Pereira asegura que o brote de tuberculose de 12 menores en dous centros escolares de Camariñas está controlado e que a «maioría» se trata de casos «moi iniciais da enfermidade». «Este número derivouse dun estudo masivo de todo o alumnado e persoal docente e non docente», sinalou en relación a este municipio coruñés por mor dun primeiro paciente detectado no principio do ano. Neste sentido, comentou que ao ver unha «porcentaxe importante» de nenos con infección tuberculosa consideraron necesario «ampliar o estudo e chegar a toda a poboación escolar» do municipio. A doutora Pereira manifestou que a poboación infantil é «especialmente susceptible de adquirir a infección». Aclarou que o infectado -non enfermo- trátase dun «paciente que tivo contacto co xerme, pero non desenvolveu a enfermidade». «Por iso dámoslle tratamento preventivo», dixo. Preguntada pola orixe, María José Pereira admitiu que é «difícil de saber», pero puntualizou que están á espera dos resultados do Laboratorio de Microbioloxía para «saber se a cepa é a mesma para toda a xente» afectada.